24/9/14
18/9/14
LITERATURA XUVENIL GALEGA EN INGLÉS.
Será que necesitamos que outros lean e valoren a nosa literatura para crer que realmente ten calidade?
Pois ben, unha nova demostración para
descridos!
Títulos como Dragal, O pintor con sombreiro de malvas, Aire negro, A pomba e o degolado...
aparecen nos fondos desta editora. Pódese entrar e ler ata un capítulo en
inglés.
É o mercado libre, sen subvencións
nin trato de favor, sen discriminación positiva; o mercado en estado puro.
Jonathan Dunne é o responsable deste reto e forma
parte dese grupo de estranxeiros que defenden o noso, moitas veces a pesar de
nós mesmos.
9/9/14
8/9/14
ACONSELLABLE
Un neno na emigración / Un niño en la
emigración / An immigrant child é o título do primeiro libro para nenos e nenas de Francisco Álvarez - Koki, con
ilustracións de Marta Iglesias Rodríguez,
publicado por Edicións do Cumio.
Recollemos da presentación editorial:
"(...) recrea con sinxeleza e
efectividade, en boa parte a través das reviravoltas protagonizadas
por un neno chamado Breogán, realidades que calquera persoa que viviu o
esgazamento que supón a emigración puido experimentar. Breogán, no seu caso
particular, chega ao barrio neoiorquino de Astoria con tres anos, saltarica e
brinca por el, por espazos da terra de acollida como son as rúas e os parques
próximos á súa casa, como o zoo de Nova York, ao que contrapón ou suma
máis ben as impresións e todo aquilo que aprende nunha viaxe na que
percorre Galicia, lugar sempre presente na súa educación e formación.
Alén destas vivencias Breogán resulta
operativo para pensar e repensar asuntos como a propia emigración, os
valores que representan o fomento e o respecto á multiculturalidade
ou o poder que a lingua propia posúe como depositaria da identidade,
do que supón para sermos e estarmos, con autenticidade, no mundo."
O autor, radicado en Nova York desde hai anos, é coñecido pola súa obra Ratas en Manhattan (Sotelo Blanco Edicións, 2007), e tamén por unha ampla obra poética en castelán e en galego con títulos como Lexanías (1980), Maruxía (1989)ou Máis aló de Fisterre (1991 e 2000).
ACONSELLABLE
A casa de Mango Street de Sandra Cisneros, traducido
por Alicia Meléndez e publicado por Sushi Books.
Sandra Cisneros, é unha escritora moi representativa dunha literatura/cultura como a chicana, marcada pola mestura de dous mundos, o da orixe sureña e o de residencia no norte. Neste libro móstranos, desde a perspectiva dunha adolescente, as claves dun universo contado dunha maneira especial e que mostra a discriminación exercida cara a un colectivo, un xénero, unha clase social e unha identidade.
ACONSELLABLE
Cos ollos do avó,
de Concha Blanco, fala da
transmisión da memoria ás xeracións máis novas, desa relación sempre rica entre
avós e netos e de espazos asulagados. Como nas vellas lendas das cidades
submarinas, a permanencia e riqueza das relacións entre maiores e menores...
para ler, mirar e pensar!
5/9/14
ACONSELLABLE.
En Santiago, neste
caso na Casa do Cabido, a un
paso do Museo das Peregrinacións pode visitarse a exposición "Santiago
cidade ilustrada".
O Consorcio de Santiago e El Patito
Editorial organizan esta mostra que reflicte, a través de máis de 60
debuxos e ilustracións, o protagonismo que a cidade compostelá foi adquirindo
na literatura infantil e xuvenil, nos cadernos de viaxe e nos cómics nos
últimos anos. Son obras de autores nacionais e internacionais, cunha sección
dedicada aos debuxantes norteamericamos que nas súas historietas incorporaron
imaxes de Santiago.
ACONSELLABLE
Manual do bo paseante,
subtitulado "Descrición en vinte puntos" do escritor catalán Raimon Juventeny,
traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Factoría K
Un
libro que ha de relacionarse co movemento slow, porque é
Carl Honoré, un dos teóricos desta filosofía e autor do libro Eloxio da
lentitude quen o prologa pero tamén porque se presenta como "unha
panorámica do devandito movemento aplicado a algo tan próximo e familiar como é
o paseo, operativa tanto para recuperar ese pracer no caso que se teña perdido
como para convencer, a quen non o practica, dos seus inestimables
beneficios.
Unha
proposta articulada en vinte secuencias que ofrece unha sinxela
terapia para combater présas e urxencias, se cadra para ver as cousas dun xeito
diferente, e ofrecida nun soporte ben atractivo para todas as idades."
Este
tempo aínda é unha boa época para a práctica, así que leamos para camiñar.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)