BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

18/9/14

LITERATURA XUVENIL GALEGA EN INGLÉS.


Será que necesitamos que outros lean e valoren a nosa literatura para crer que realmente ten calidade?

Pois ben, unha nova demostración para descridos!

A editorial Small Stations está a mostrar esta literatura en inglés. 

Títulos como Dragal, O pintor con sombreiro de malvas, Aire negro, A pomba e o degolado... aparecen nos fondos desta editora. Pódese entrar e ler ata un capítulo en inglés.
 É o mercado libre, sen subvencións nin trato de favor, sen discriminación positiva; o mercado en estado puro.

Jonathan Dunne é o responsable deste reto e forma parte dese grupo de estranxeiros que defenden o noso, moitas veces a pesar de nós mesmos. 






8/9/14

ACONSELLABLE









Un neno na emigración / Un niño en la emigración / An immigrant child é o título do primeiro libro para nenos e nenas de Francisco Álvarez - Koki, con  ilustracións de Marta Iglesias Rodríguez, publicado por Edicións do Cumio.

Recollemos da presentación editorial:

"(...) recrea con sinxeleza e efectividade, en boa parte  a través das reviravoltas protagonizadas por un neno chamado Breogán, realidades que calquera persoa que viviu o esgazamento que supón a emigración puido experimentar. Breogán, no seu caso particular, chega ao barrio neoiorquino de Astoria con tres anos, saltarica e brinca por el, por espazos da terra de acollida como son as rúas e os parques próximos á súa casa, como o zoo de Nova York, ao que contrapón ou suma máis ben as impresións e todo aquilo que aprende nunha viaxe na que percorre Galicia, lugar sempre presente na súa educación e formación.

Alén destas vivencias Breogán resulta operativo para pensar e repensar asuntos como a propia emigración, os valores que representan o fomento e  o  respecto á multiculturalidade ou o poder que a lingua  propia posúe como depositaria da identidade, do que supón para sermos e estarmos, con autenticidade, no mundo."

O autor, radicado en Nova York desde hai anos,  é coñecido pola súa obra Ratas en Manhattan (Sotelo Blanco Edicións, 2007), e tamén por unha ampla obra poética en castelán e en galego con títulos como  Lexanías (1980),  Maruxía (1989)ou Máis aló de Fisterre (1991 e 2000).
    


ACONSELLABLE






A casa de Mango Street de Sandra Cisnerostraducido por Alicia Meléndez e publicado por Sushi Books

Sandra Cisneros, é unha escritora moi representativa dunha literatura/cultura como a chicana, marcada pola mestura de dous mundos, o da orixe sureña e o de residencia no norte. Neste libro móstranos, desde a perspectiva dunha adolescente, as claves dun universo contado dunha maneira especial e que mostra a discriminación exercida cara a un colectivo, un xénero, unha clase social e unha identidade.


ACONSELLABLE







Cos ollos do avó, de Concha Blanco, fala da transmisión da memoria ás xeracións máis novas, desa relación sempre rica entre avós e netos e de espazos asulagados. Como nas vellas lendas das cidades submarinas, a permanencia e riqueza das relacións entre maiores e menores... para ler, mirar e pensar!
Publicado pola ferrolá editora Embora, está ilustrado por Xosé Tomás


5/9/14

ACONSELLABLE.



En Santiago, neste caso na Casa do Cabido, a un paso do Museo das Peregrinacións pode visitarse a exposición "Santiago cidade ilustrada".   

Consorcio de Santiago e El Patito Editorial organizan esta mostra que reflicte, a través de máis de 60 debuxos e ilustracións, o protagonismo que a cidade compostelá foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil, nos cadernos de viaxe e nos cómics nos últimos anos. Son obras de autores nacionais e internacionais, cunha sección dedicada aos debuxantes norteamericamos que nas súas historietas incorporaron imaxes de Santiago.



ACONSELLABLE


Manual do bo paseante, subtitulado "Descrición en vinte puntos" do escritor catalán Raimon Juventeny, traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Factoría K 


Un libro que ha de relacionarse co movemento slow,  porque é Carl Honoré, un dos teóricos desta filosofía e autor do libro Eloxio da lentitude quen o prologa pero tamén porque se presenta como "unha panorámica do devandito movemento aplicado a algo tan próximo e familiar como é o paseo, operativa tanto para recuperar ese pracer no caso que se teña perdido como para convencer, a quen non o practica, dos seus inestimables beneficios. 
Unha proposta articulada en vinte secuencias que ofrece unha sinxela terapia para combater présas e urxencias, se cadra para ver as cousas dun xeito diferente, e ofrecida nun soporte ben atractivo para todas as idades."

Este tempo aínda é unha boa época para a práctica, así que leamos para camiñar.

A LITERATURA GALEGA EN INGLÉS.